CASTELLANO / ENGLISH

As pinturas góticas que hoxe se atopan baixo os órganos estaban situadas nos muros exteriores do coro, probablemente pertencen a finais do século XV ou principios do XVI.

Estas representacións, actualmente rescatadas e situadas nos muros da nave central, son moi diferentes na súa técnica ao resto das pinturas murais da época en Galicia.

No lado dereito nárrase a escena da Degolación dos Nenos Inocentes. Disposto en dúas franxas separadas por finas bandas ilustradas cun texto gótico, o autor preséntanos a gran masacre cometida por soldados vestidos con cota de malla e espadas.

No lado esquerdo, dividido en catro recadros, represéntanse diferentes escenas da vida de San Pedro: a entrega das chaves por parte de Cristo, a súa saída do cárcere polo anxo, a reanimación dun morto e, finalmente, a súa crucifixión.

Os órganos

Na parte superior, a ambos os dous lados da nave principal, podemos apreciar os órganos. Existen referencias documentais que indican a existencia destes instrumentos na Idade Media. Porén, debido ao seu mal estado, foi necesaria unha profunda reconstrución no século XVI. A principios do século XVIII, o bispo Muñoz y Salcedo contratou os actuais instrumentos a Manuel de la Villa Elizondo, organista da cidade de Salamanca. O artista local Bernabé Seares foi o encargado de tallar as caixas barrocas que hoxe se poden observar.

Cesta de compras