CASTELLANO / ENGLISH

Ata a actualidade, a Capela Maior pasou por diferentes transformacións e o seu estado máis rechamante é a sinxeleza da súa arquitectura cisterciense orixinal con cinco grandes ventás.

No presbiterio atópase o magnífico retablo rococó, unha especie de summa teolóxica ben exposta e ordenada, obra do autor Francisco Terán. A imaxinaría que se representa nos seus dous corpos dourados pertence ao autor local Antonio de Castro e aos lucenses Baamonde e Riobó.

O primeiro corpo do retablo establécese con catro columnas nunha orde composta coas imaxes de San Rosendo e San Martiño de Dumio intercaladas. No centro, un expositor octogonal, obra posterior, sobre o que comeza o ascenso de anxos coa virxe nos brazos que enlaza co tema escultórico principal do segundo corpo.

O segundo corpo está presidido por un grupo escultórico da Asunción da Virxe, titular da Catedral, coa recepción da Santísima Trindade. Como apéndices, o retablo está flanqueado por tallas rococó en alto relevo dos Santos Pedro e Paulo rematadas por representacións da fe e da caridade. Na parte superior destacan os medallóns de San Xosé, á esquerda, e San Xoaquín e Santa Ana, á dereita. Todo o conxunto posúe un rico estopado.

Os murais da bóveda

Mención especial merecen os murais ao óleo da bóveda do transepto do mestre Terán. Trátase de catro escenas do Antigo Testamento que, xunto coas pinturas do mesmo autor situados na Capela Maior, constitúen un dos murais máis importantes do século XVIII na provincia de Lugo.

Cesta de compras