CASTELLANO / ENGLISH

No exterior destaca a súa proporcionalidade, a imaxe da catedral, que preside a praza, é de gran beleza. A súa fachada é un exemplo da suma de diversos estilos arquitectónicos representados ao longo do tempo, consecuencia das súas reformas e ampliacións. Consta de tres grandes oxivas que corresponden ás tres naves interiores.

Na oxiva central, presentábase un rosetón do século XIII de cinco metros de diámetro con vidreiras policromadas. Baixo este, unha mostra do seu estilo románico inicial, a súa portada principal, formada por tres arquivoltas que sosteñen a cada lado tres delgadas columnas rematadas con capiteis labrados. O tímpano liso que enmarca foi decorado ao fresco no século XVIII cunha imaxe da Inmaculada Concepción con anxos e flores. Sen dúbida, unha curiosa composición pictórica barroca nun tímpano de orixe medieval. Barroco é tamén o frontispicio que coroa a parte central da fachada, que inclúe a San Rosendo sobre o seu acroterio e á imaxe coroada da Asunción, advocación desta Catedral ao igual que en moitas igrexas de estilo cisterciense.

Nas dúas oxivas laterais atopamos unhas pilastras toscanas, substitutas dos grosos contrafortes orixinais; e grandes ventás decoradas cun marco barroco cos relevos de San Lourenzo e San Xerome

A fachada está flanqueada por dúas impoñentes torres barrocas de tres corpos. A torre dereita, a do reloxo, sobresae da fachada medio metro máis que a súa compañeira. Está oca e nela localízase a maquinaria do reloxo. Pola contra, a torre esquerda encerra no seu interior a torre medieval orixinal, agochada tras a gran reforma barroca da fachada do século XVIII. Na parte superior desta torre atópanse as nove campás do templo. A principal, oculta tras un gran enreixado de ferro, recibe o nome da «Paula» en lembranza do discípulo de San Xerome.

Cesta de compras