A antiga capela da Soidade foi dotada en 1666 polo capitán Pedro Pardo Taboada e a súa dona, Catalina de Vivero y Navia y Villamil. Na actualidade conta cun retablo de catro columnas e frontón curvo, todo xaspeado e dourado. No centro, no lugar que antigamente ocupaba a Dolorosa, atópase unha talla dun Ecce Homo sentado do século XVIII. Abaixo, emprázase unha urna de vidro cunha Dolorosa do século XVII e, nos laterais, as tallas de San Ignacio de Loyola e San Francisco Xavier.
Esta capela foi fundada e dotada por Álvaro Pérez Osorio y Rengifo e a súa muller María, marquesa de Miranda, a quen pertence o arcosolio sepulcral do muro esquerdo. Dispón dun gran retablo plateresco, dourado e estopado, con tres corpos. O seu banco está formado por un gran conxunto de relevos. Entre eles, destaca a Santa Cea, no centro, e a Resurrección e o Nacemento, nos laterais.
O primeiro corpo do retablo está formado por tres fornelas e catro columnas con relevos de santos. Nas fornelas atópanse as tallas de San Sebastián, do século XVIII, Santa Catalina, do XVI e Santa Ana coa Virxe Nena, escultura inglesa do século XV traída na época das persecucións aos católicos.
No segundo tramo atópase a imaxe da titular da capela, a Inmaculada, excelente talla do século XVII. Aos seus lados, a imaxe barroca de Santa Bárbara e un Santo Apóstolo.
O terceiro corpo está formado por unha fornela cun Cristo de talla e columnas do mesmo tipo que a do anterior, rematado cun frontón curvo no que aparece o Pai Eterno.
Esta capela foi fundada e dotada por Antolín de Estrada, Rexedor de Mondoñedo, e a súa muller María de Losada. O seu retablo é neoclásico, de finais do século XVIII, e ten un só corpo con catro columnas compostas. A súa imaxe principal é o Cristo da Boa Morte, con rostro de mozo e tamaño natural. Nos laterais, imaxes ao óleo da Virxe, San Xoán e a Verónica. O retablo está rematado por un medallón co relevo do Apóstolo San Pedro, coas chaves.
O retablo desta capela é de estilo renacentista. Un só corpo con fornela, dúas columnas e frontón triangular, todo xaspeado e perfectamente dourado. A imaxe da fornela é unha escultura de San Francisco de Asís, copia da de Mena. Sobre o frontón hai un medallón cun fermoso relevo que representa a translación de Santiago a Galicia, sostido por anxos.
Nos laterais do retablo atópanse os bustos de San Pedro e San Paulo, de finais do século XVIII, e nos muros laterais dúas esculturas sobre bases de pedra que corresponden a Santiago o peregrino e a San Roque, ambos do século XVIII.