A catedral da Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo permanecerá pechada, segundo as estimacións da delegación diocesana de Patrimonio, entre dúas e tres semanas, debido ás obras de renovación da instalación eléctrica e á instalación dun novo sistema de iluminación. O culto catedralicio trasladouse xa a unha das capelas do Seminario (entrada pola porta principal, co seguinte horario: de luns a sábado ás 19:00 horas e os domingos ás 12:00 horas).
Para levar a cabo as tarefas de instalación do sistema lumínico e facer as canalizacións pertinentes cómpre levantar o pavimento de pedra, polo que por razóns de seguridade e operatividade dos traballadores decidiuse o seu peche temporal. A catedral posúe unha instalación eléctrica antiga, realizada nos anos 60 do pasado século XX, mantendo tamén a iluminación desa mesma época. Por iso, o obxecto destas actuacións é «adaptar as instalacións á normativa actual e conseguir unha iluminación máis eficiente que potencie o valor artístico e patrimonial da nave, da xirola, da sancristía e das capelas«, segundo indicaban recentemente os técnicos da Xunta de Galicia.
As obras continuarán uns meses máis coa segunda grande intervención, a reparación das vigas da cuberta, pero o templo xa estará aberto ao culto e á actividade turístico-cultural habitual.
Estas dúas actuacións responden ao convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a Diocese de Ferrol-Mondoñedo, aprobado polo Consello da Xunta o pasado mes de setembro, cunha achega de 248.000 euros por parte do ente autonómico.