- A catedral de Mondoñedo acollerá os días 14 e 15 de agosto os actos litúrxicos e musicais na honra da súa patroa, a Benaventurada Virxe María
A catedral basílica de Mondoñedo prepárase para acoller as celebracións solemnes con motivo da Asunción da Benaventurada Virxe María, patroa e a quen está dedicada o primeiro templo mindoniense. Os actos litúrxicos e musicais desenvolveranse durante os días 14 e 15 de agosto e estarán presididos polo bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos.
A programación dará comezo o 14 de agosto ás 19:00 horas coa celebración das vésperas solemnes e a eucaristía, que contarán co acompañamento musical da Coral Polifónica «A Magdalena» de Ferrol. A continuación, os asistentes poderán desfrutar dun concerto a cargo desta coral dirixida por Patricia Rodríguez. Na parte musical tamén actuará como soprano solista, así como o organista titular da Catedral, Carlos J. Fernández, e María López á zanfona.
O día grande, 15 de agosto, a sé mindoniense acollerá ás 12:00 horas a misa solemne, que estará cantada polo coro Capella Sine Vinculis, procedente dos Países Baixos. Ao cabo da eucaristía o bispo impartirá a bendición papal con indulxencia plenaria. Tras a celebración eucarística, a agrupación ofrecerá tamén un concerto para pechar os actos festivos. A comunidade diocesana queda cordialmente invitada a participar e sumarse a estas xornadas de oración e celebración en honra á Santísima Virxe.

