Dedicación catedral 2026

Mondoñedo celebra As San Lucas e lembra a dedicación da súa catedral

  • A programación relixiosa enlaza a festa de As San Lucas coa memoria da colocación da primeira pedra da catedral, no ano 1219

A cidade de Mondoñedo prepara unha nova edición das Festas de As San Lucas, a 870ª, que se celebrarán do 16 ao 25 de outubro. Ademais da súa dimensión gandeira e festiva, unha das citas máis relevantes do calendario galego, o programa incorpora varias celebracións relixiosas vinculadas á tradición mindoniense:

· O día grande das festas, o domingo 18 de outubro, o santuario de Nosa Señora dos Remedios acollerá ás 11:00 horas unha eucaristía solemne, cantada polo Coro Mindoniense e presidida polo bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos.

· Un día despois, o luns 19 de outubro, a cidade conmemorará a festa da Dedicación da Santa Igrexa Catedral. Ás 12:30 horas celebrarase unha misa solemne presidida polo bispo diocesano e concelebrada polo cabido catedral, en recordo do aniversario da dedicación da Santa Igrexa Catedral Basílica de Mondoñedo. A data remite a 1219, cando se colocou a primeira pedra da catedral da Asunción. O templo foi elevado á categoría de basílica no ano 1959. Antes da celebración eucarística terá lugar unha sesión ordinaria do cabido.

Completará as celebracións o concerto O latexo das catedrais, do músico Abraham Cupeiro, creado expresamente para a Catedral de Mondoñedo. O espectáculo, que combinará música, imaxe e patrimonio para reimaxinar a memoria sonora do templo, ofrecerase o domingo 18 de outubro en dous pases, ás 17:00 e ás 19:30 horas, con todas as entradas esgotadas pouco despois de saíren á venda. Cupeiro estará acompañado por Davide Salvado e Matthew Ward nas voces, Alba Barreiro na arpa, Manuel Lorenzo no violoncelo e Sabela Caamaño no acordeón e no órgano da propia catedral.

Los comentarios están cerrados.