Cartel corpus Christi 2026 Mondoñedo

Solemnidade do Corpus Christi

A diocese de Mondoñedo-Ferrol celebrará solemnemente a festividade do Corpus Christi o vindeiro domingo 7 de xuño, con actos litúrxicos e procesións nas súas dúas sedes episcopais, Mondoñedo e Ferrol, presididos polo bispo Fernando García Cadiñanos.

En Mondoñedo, a celebración eucarística comezará ás 11:00 horas na catedral-basílica, coa participación do Coro Mestre Pacheco. Tras a misa pontifical, dará comezo a tradicional procesión co Santísimo Sacramento polo percorrido habitual, na que participarán membros do cabido, nenos e nenas de primeira comuñón, a Adoración Nocturna e fieis da parroquia, xunto coa representación municipal baixo mazas. O acompañamento musical correrá a cargo da banda municipal.

Un dos elementos máis característicos desta celebración será, un ano máis, a elaboración de alfombras florais que cubrirán o itinerario procesional. Estas composicións, preparadas durante semanas por alfombristas da cidade, constitúen unha expresión destacada de tradición, dedicación e arraigamento cultural na localidade. Ao remate da procesión, o bispo impartirá a bendición á diocese desde o altar maior da catedral.

Los comentarios están cerrados.